Compostela acollerá unha xornada técnica sobre o 5G en setembro

luns, 15 de xullo do 2019 Redacción

Imaxe da presentación do Observatorio Nacional de 5G

O vindeiro mes de setembro Santiago de Compostela celebrará unha xornada na que se darán a coñecer os 18 pilotos que se están a desenvolver en Galicia baseados na tecnoloxía 5G, encontro organizado pola AMTEGA e o Observatorio Nacional de 5G, que afondará nas vantaxes que esta tecnoloxía para cuxo despregamento a Unión Europea esixe aos Estados membros realizar, previamente, casos de uso.
A celebración da xornada foi un dos temas que se abordaron na última comisión de seguimento do Nodo 5G, ao que están adheridos Vodafone, Telefónica, Orange e a Universidade de Vigo. Neste encontro, celebrado a semana pasada, representantes dos operadores xunto co director xerente de Retegal, Miguel Rodríguez, e a directora da AMTEGA, Mar Pereira, avanzaron na concreción dos pilotos baseados en tecnoloxía 5G, que se desenvolverán ata o 2020. En total os operadores comprométense a realizar 9 casos de uso cun investimento total de 2 millóns de euros.
A estas iniciativas hai que sumar outras 9 subvencionadas por Red.es a Telefónica para desenvolver tamén na Comunidade, e que suporán un investimento público privado de 11,5 millóns de euros en pilotos 5G. Galicia foi a única Comunidade que presentou candidaturas dos tres operadores a esta convocatoria sendo unha das dúas que finalmente conseguiron a subvención estatal.
Polo tanto, en Galicia desenvolveranse un total de 18 casos de uso e pilotos de 5G nas sete principais cidades galegas en ámbitos clave para Galicia como a sanidade, as emerxencias, o turismo ou a loita contra os incendios, entre outras. Estas iniciativas dan resposta aos requirimentos de Europa aos Estados membros de realizar casos de uso, é dicir escenarios nos que se probe e pilote esta tecnoloxía, como paso previo á súa extensión.

PUBLICIDADE