Compostela acollerá en outubro o I Foro Galego da web 2.0

mércores, 20 de xullo do 2011 Raquel Noya

A Asociación Adouspuntocero de Profesionais da social media de Galicia, en colaboración coa USC, está a organizar un foro no que dar conta das vantaxes e desvantaxes da web 2.0 aplicada a diferentes sectores económicos da nosa sociedade, que terá lugar o vindeiro 15 de outubro de 2011, na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela.
Trátase do Foro UNIREDE, o I Foro Galego da web 2.0 que convidará á capital galega aos profesionais máis cualificados do sector para debullar o tema, nunha xornada que se dividirá en dúas sesións: de mañá e de tarde.
A intención é amosar os logros da web 2.0 en Galicia, así como fomentar a interacción entre os diferentes actores da social media en Galicia e difundir entre a sociedade as vantaxes e as posibilidades de desenvolver a web 2.0 en diferentes sectores, para o que se contará coa participación de Fátima Martínez, consultora de Comunicación Estratéxica e Formadora en Social Media.
O relatorio de Martínez, segundo afirman, “unha das persoas con maior influencia no ámbito español”, complementarase coa intervención de destacados expertos galegos en medios sociais e bloggers como David Serantes, José Luis del Campo Villares ou Juan José Romero Crusat, que intervirán na xornada da mañá.
Na xornada da tarde, as persoas asistentes traballarán en catro talleres temáticos de Turismo/gastronomía, Intervención Social, Comunicación e Industrias culturais, dando conta das boas prácticas e distintos casos de éxito acadados en Galicia no traballo coas redes sociais.
Asemade, de xeito paralelo, na sesión de tarde desenvolverase un bussines meeting point, unha xuntanza na que emprendedores con ideas de negocio poderán presentar iniciativas innovadoras en torno á web 2.0 coa fin de atopar financiación ou axuda dos chamados Bussines partner.

PUBLICIDADE