Compostela Monumental forma en trámites en liña ás futuras profesionais do sector servizos

luns, 27 de xaneiro do 2020 Redacción

A Asociación de Comerciantes e Empresarios CCA Compostela Monumental inicia este luns o curso de Trámites en Liña, primeira das actividades formativas que conforman o seu programa integrado para o fomento da empregabilidade entre a poboación feminina no sector servizos (un programa a prol da igualdade de oportunidades e o derrube de fendas laborais). Na actividade que arrinca hoxe, as mulleres participantes recibirán a formación precisa para poder realizar distintas xestións cotiás vía telemática, como xestións bancarias, trámites coa Seguridade Social, Facenda, etc.
O obxectivo de Compostela Monumental é achegarlles os recursos para que “saiban levar a cabo calquera tipo de xestión online coas distintas entidades públicas ou privadas”.
O curso terá unha duración de 6 horas e desenvolverase até o día 29 de xaneiro na aula formativa que Compostela Monumental ten na súa sede da Algalia de Arriba 31. O horario será de 16:30 a 19:30 horas. Tocaranse a fondo cuestións como o DNI Electrónico, o Certificado Persoa Física, a Clave PIN ou a Clave Permanente. Mostrarase en detalle como facer os seguintes trámites: descargar unha vida laboral, selar o paro, visualizar e descargar un certificado de empadroamento desde a sede electrónica dun Concello ou acceder aos datos fiscais persoais da Axencia Tributaria, entre outras operacións.
Colabora co Programa Integrado de Emprego de Compostela Monumental a Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia, por medio da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral (Servizo de Programas Mixtos).

PUBLICIDADE