Como aplicar o Machine Learning no noso negocio, ao detalle nun novo obradoiro de Vitae

martes, 7 de maio do 2019 Fernando Sarasketa

A aprendizaxe das máquinas non é unha tecnoloxía nova, as máquinas xa levan décadas facendo operacións semellantes á nosa dinámica de pensamento, a dos seres humanos, o que é novo é o incremento brutal das súas capacidades, un proceso que se disparará os anos vindeiros poñendo en xogo unha serie de retos. Un dos principais desafíos é o seguinte: farán falta profesionais con alto coñecemento na materia, xa que o Machine Learning vai estar presente en todos os ámbitos empresariais, sociais, económicos, culturais, médicos ou científicos.
Se alguén dubida do devandito, non ten máis que ver como as tecnoloxías-máquinas están a resolver hoxe grandes problemas científicos que se consideran imposíbeis de encarar, ou como afinan na predición do tempo, ou como son quen de saber os nosos gustos musicais, cinematográficos ou literarios case mellor ca ninguén. Achegarnos recurso e formación avanzada para facer ferramentas con ML é un dos grandes obxectivos da segunda edición do Curso de Solucións con Machine Learning, que organiza a consultora Vitae en Vigo (Centro Social Afundación de ABANCA), os días 7, 8, 14 e 15 de xuño.
Serán 20 horas de adestramento para mostrarnos as principais aplicacións do ML e amosarnos como integralas no noso negocio.
Para quen non o saiba a estas alturas, o Machine Learning é o ámbito de investigación que se centra en crear programas capaces de xeneralizar comportamentos nas computadoras, é dicir, que fai realidade a aprendizaxe de pautas para rendibilizar e mellorar cousas como sistemas de busca, análise de textos, análise de redes sociais, recoñecemento de obxectos e facianas, procesado do ADN, recoñecemento da fala, analítica de datos médicos ou aplicacións para a intelixencia do negocio. Ademais, alén do seu papel científico, ten moitas potencialidades para os sectores da banca, da medicina, do motor, das vendas ou das telecomunicacións, entre outros moitos.
Segundo explican dende Vitae, a finalidade deste curso é introducir ao alumnado no mundo do ML para que saiba diferenciar que problemas de negocio son susceptíbeis de seren resoltos mediante algoritmos de aprendizaxe máquina, e como asociar cada tipo de problema co algoritmo axeitado, e, tamén, como preparar os datos para obter os mellores resultados deses algoritmos. “Todo isto dende un punto de vista práctico, sinxelo e botando man de exemplos reais”.
A persoa encargada de impartir estes contidos será Antonio Soto Rodríguez, enxeñeiro en Informática de Sistemas pola Universidade da Coruña e profesional con máis de dúas décadas de experiencia como consultor técnico experto e certificado, achegando formación na Universidade Microsoft e a empresas e organismos como a NASA, NASDAQ, PEMEX, SERGAS, Citroen, CEAGA, Inditex, Ferroplast, Banco Popular, ABANCA, Xunta de Galicia ou Abertis.

PUBLICIDADE