Comezan as sesións das Distopías Cotiás este luns na Biblioteca Ágora da Coruña

luns, 27 de xaneiro do 2020 Fernando Sarasketa

Comezou a conta atrás para a primeira sesión das Distopías Cotiás, os encontros mensuais impulsados dende Coruña Dixital (en colaboración coas Bibliotecas Municipais) para promover a reflexión arredor dos impactos das tecnoloxías nas nosas vidas, unha reflexión que será colectiva e que quere abranguer a participación de persoas de “calquera ámbito”, non só tecnolóxico.
Outro dos grandes obxectivos de Distopías Cotiás é lembrar que xa está aquí, no noso presente, o futuro do que tanto se falaba nas pasadas décadas, e que a súa chegada bríndanos unha manchea de temas sobre os que pensar e sobre os que falar: a ética tecnolóxica, a soberanía dixital, o capitalismo de vixilancia, os rexistros biométricos ou a manipulación masiva. Este luns 27 de xaneiro, na biblioteca do centro coruñés Ágora, comeza o ciclo Distopías Cotiás.
A sisión de estrea está prevista para as 19.00 horas e leva por título Ética, Privacidade e Tecnoloxía: retos abertos para os anos vinte. O encargado de abranguer este tema será Pablo Castro (Trackula), desenvolvedor frontend e co-fundador de Arengu, activista pola liberdade en Internet e o software libre, amais de membro do colectivo GPUL e co-organizador de AtlanticaConf.
En colaboración coas bibliotecas
Cómpre sinalar que o artista gráfico Leo Sousa é o autor da imaxe e dos cartaces deste ciclo, que se celebra en colaboración coas Bibliotecas Municipais da Coruña e que conta co apoio de Coruña Dixital, programa da Concellería de Cultura e Educación da Coruña para facer chegar á cidadanía todo o que se coce nas redes dixitais.
A finalidade deste faladoiro é favorecer a conexión de persoas de calquera eido (non só tecnolóxico) interesadas en compartir coñecemento, reflexións e propostas.
En canto á participación nestes encontros, dicir que será aberta deica completar aforo, recomendando inscribirse no Meetup da iniciativa para reservar praza, xa que este aforo será limitado.
O formato previsto consta dunha breve charla inicial, onde unha persoa experta exporá un tema concreto e dun posterior tempo para o debate e a conversa aberta entre as persoas asistentes.
No primeiro semestre de 2020 están previstas xa as seguintes datas, sempre ás 19h no espazo de conversa da Biblioteca Ágora: luns 27 de xaneiro, luns 17 de febreiro, luns 16 de marzo, luns 20 de abril e luns 18 de maio.
Para obter información puntual destas citas é preciso visitar a axenda de Coruña Dixital ou subscribirse no meetup da iniciativa, onde tamén se formalizan as inscricións.
Por último, informamos que existe a posibilidade de propoñer unha charla, para iso cómpre escribir a ola@distopiascotias.gal.

PUBLICIDADE