Comeza a conta atrás para o inicio do congreso Corunna Innovate Summit 2024
venres, 18 de outubro do 2024
A empresa DataSpartan organiza a semana vindeira (os días 24 e 25 de outubro) o evento Corunna Innovate Summit, edición 2024. Será novamente no Centro de Servizos Avanzados (CSA) da Cidade das TIC e no seu transcurso porase o foco nas frontes (moitas) de transformación da Intelixencia Artificial, que segundo apuntan dende a organización, “están a mudar as nosas organizacións e a nosa vida cotiá”. No evento, explican, “poderemos descubrir como os expertos, as startups e as empresas innovadoras traballan con estas tecnoloxías disruptivas, entre as que se atopan a IA, o Big Data ou o Machine Learning, entre outras”.
O programa inclúe relatorios de Amparo Alonso, profesora e investigadora en IA do CITIC da UDC; Paco Nathan, enxeñeiro principal DevRel en Senzing e científico informático; Rocío Vega Martínez, responsábel de dixitalización en Reganosa e experto en Enxeñaría Matemática; Antonio Fabregat, líder de grafos do coñecemento en AstraZeneca e experto en Ciencias da Computación; David Vázquez, responsábel de Desenvolvemento de Negocio en ITG DroneSolutions e licenciado en Dereito; Fernando Manzanera, líder técnico Fatiga e Tolerancia ao Dano en CT Enxeñeiros Enxeñeiro Aeroespacial; Kadripathi KN, enxeñeiro de IA en IONA Drons UK (licenciado en Tecnoloxía - Aeroespacial, Aeronáutica e Astronáutica); Enrique Vesteiro Rivas, responsábel de Investigación, Desenvolvemento e Innovación en Grupo Cofrico e enxeñeiro industrial superior; Dimitrios Athanasakis, enxeñeiro principal de Intelixencia Artificial no Centro de Intelixencia Artificial en AstraZeneca, experto en Machine Learning; e Ioannis Alexandros Antonoglou, CTO e co-fundador de Reflection AI, ademais doutor en Filosofía - PhD Intelixencia Artificial.
Na inauguración estarán presentes Ricardo José Cao Abad, reitor da Universidade da Coruña (UDC), e Rosa Ana García López, deputada de Industria, Empresa, Medio Ambiente, Emprego e Política Demográfica.
O evento conta coa colaboración da Deputación da Coruña, Clúster TIC Galicia, do Colexio Profesional de Eseñería en Informática de Galicia (CPEIG), do Consorcio de Turismo de A Coruña e do Centro de Servicios Avanzados (CSA).