Comeza a conta atrás para a Noite Galega das Telecomunicacións 2024, que chega á súa 28 edición
luns, 9 de setembro do 2024
A Noite Galega das Telecomunicacións, a gran cita anual do Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG) na que participan destacadas entidades, empresas e profesionais do sector TIC, chega este mes de setembro á súa 28 edición. Celebrarase de feito este venres 20 no Gran Hotel da Noite. Contará cunha trintena de empresas e entidades patrocinadoras.
Durante a Noite entregaranse os Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, que recoñecen ás empresas, profesionais e entidades que traballan a favor do progreso tecnolóxico de Galicia e realizan boas prácticas no sector.
Ao abeiro dos Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información establécense, na actualidade, seis categorías de premios para distinguir diferentes aspectos ligados ao eido das telecomunicacións: o Premio Enxeñeiro do Ano, o Premio Socio de Honra, o Premio AMTEGA ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais, o Premio Axians á Entidade Galega que aposta polo desenvolvemento de Infraestruturas Intelixentes de Telecomunicacións e o Premio Mellor Expediente académico do Mestrado en Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo curso 2022/2023.
Este ano a Noite conta coa seguinte listaxe de empresas e entidades patrocinadoras: Xunta de Galicia, Abanca, Alcatel-Lucent, Axians, Cellnex, CGES (Consello Galego de Enxeñarías), CIRCET España, Cisco, Grupo EACOM, ECOENER, Exclusive Networks, Fortinet, Puntogal, Ibertel, Optare Solutions, Orange, Palo Alto Networks, R, Satec, Seidor, SEMI, TATA Telecomunicaciones, Televés, TESEC, Totem e Vantage Towers.