Colle pulo a cuarta edición do Coworking de Barro

martes, 10 de setembro do 2019 Fernando Sarasketa

A Deputación de Pontevedra e a Escola de Organización Industrial (EOI), co cofinanciamento do Fondo Social Europeo, veñen de lanzar a cuarta convocatoria para participar no Coworking do Viveiro de Empresas de Barro, unha innovadora iniciativa de impulso empresarial e profesional que nas súas anteriores convocatorias foi quen de alentar a posta en marcha de máis de 50 empresas, unha parte moi relevante das cales centrouse nas posibilidades das TIC para o turismo local. Agora, coa nova edición, impulsarase a actividade e o afianzamento doutros 20 proxectos. O coworking, que é de balde, ten o prazo de inscrición aberto até finais de mes.
Promoción
Co fin de dar a coñecer as posibilidades da iniciativa, celebrarase o día 17 unha xornada de portas abertas, no viveiro empresarial de Barro, en horario de 13.00 a 14.00 horas e de 16.30 a 17.30 horas. Ademais está confirmada a participación da iniciativa entre os días 10 e 12 na feira MindTech (o salón do sector industrial, metalúrxico e metalmecánico) de Vigo, e no evento do emprendemento Pont Up Store (O impulso da xente valente), que terá lugar en Pontevedra entre os días 19 e 21 deste mes. Alí repartiranse folletos e divulgarase a mensaxe da oportunidade que supón para persoas emprendedoras sumarse ao Coworking da Deputación de Pontevedra.
Como funciona
O espazo Coworking do Viveiro de Barro ofrece un espazo de traballo gratuíto durante cinco meses, e abre a posibilidade de participar nun completo programa de asesoramento personalizado impartido por persoal experto, así como acceder a formación para potenciar as competencias en emprendemento e en xestión. Ademais diso, ofrece acceso aos laboratorios de fabricación dixital que se atopan no mesmo centro. En palabras da Deputación, “sumarse ao Coworking de Barro garante un acompañamento profesional durante o longo proceso de maduración da idea empresarial, desde o deseño do modelo de negocio ata a súa posta en marcha e optimización”.
En termos concretos, o programa inclúe sesións de formación sobre Lean Start Up, micromecenado, estratexias de comunicación en redes sociais, creatividade e innovación, posta en marcha dun plan de mercadotecnia dixital, finanzas, habilidades de comunicación e xestión do talento.
Como peche da edición terá lugar un Demo Day, durante o que se presentan os proxectos participantes.
A entidade provincial engade que o espazo Coworking da Deputación é “un entorno altamente tecnolóxico, pois ofrece acceso, tamén de maneira gratuíta, ao FabLab (Laboratorio de Fabricación Dixital) da Deputación de Pontevedra”.
O equipamento está formado por impresoras 3D, escáneres 3D, kits de Arduino, fresadora de madeira, soldadores de electrónica, material electrónico diverso, ferramentas, etc. Nestes laboratorios desenvolveranse tamén obradoiros específicos de fabricación dixital para promover o coñecemento e uso desta tecnoloxía, ofrecendo mesmo a posibilidade de prototipar deseños.

PUBLICIDADE