Colaboración galega no desenvolvemento dun sistema fiable de protección da información en liña

mércores, 11 de abril do 2012 Raquel Noya

O profesor da Universidade de Vigo, Marcos Curty, é un dos tres investigadores que desenvolveu un sistema que garante a protección da información protexida mediante criptografía cuántica

Hoxe en día case non hai ningún sistema de transmisión e almacenamento de datos que sexa totalmente infranqueable e seguro dabondo como para evitar que ningún hacker o desencripte. De feito, canto maior é o grao de dificultade para acceder a un sistema de seguridade calquera, dá a sensación de que maior é o empeño que estes cibercriminais poñen no seu labor delictivo.
Tamén é certo que cada vez se investiga máis no eido da criptografía cuántica para dar con algún sistema que sexa o suficientemente seguro como para evitar calquera intento non autorizado de acceso á información, porén, ata o de agora, tal e como se indica no DUVI, “nin este sofisticado método queda á marxe da acción dos hackers informáticos que tras romper os sistemas de cifrado de información clásicos, fixeron o propio cos sistemas baseados en criptografía cuántica servíndose para iso de imperfeccións existentes nas implementacións comerciais”.
É por isto que o profesor da Universidade de Vigo, Marcos Curty, en colaboración con dous profesores da Universidade de Toronto, Hoi-Kwong Lo e Bing Oi, decidíronse a desenvolver un sistema que garantira a protección dunha información que resultase especialmente delicada no caso das operacións de índole comercial e financeira ou no das comunicacións gobernamentais, botando man para isto, dun novo sistema baseado en criptografía cuántica.
Segundo o DUVI, este novo sistema “permite acadar comunicacións plenamente seguras sobre unha canle aberta, como por exemplo Internet”, ao que Marcos Curty engade que “o noso traballo presenta unha solución moi sinxela, práctica e eficiente que frustra calquera posible ataque dun hacker nos detectores ópticos do sistema”.
A solución proposta baséase en sistemas de criptografía cuántica que son “plenamente seguros e con prestacións incomparables, incluso se o funcionamento dos detectores está seriamente comprometido” afirman. En definitiva “é o triunfo dos criptógrafos cuánticos sobre os hackers cuánticos”, conclúen.
Curty, que é profesor do Grupo de Antenas, Radar e Comunicacións Ópticas da Universidade de Vigo, levou a cabo este traballo de investigación para combater de xeito máis eficiente os problemas que a criptografía cuántica clásica presentaba na actualidade e que agora, grazas á súa mellora, ten múltiples aplicacións prácticas no eido das operacións comerciais e financeiras que se realizan na Rede.

PUBLICIDADE