Coin, unha solución para non ter que cargar con múltiples tarxetas con banda magnética
xoves, 14 de novembro do 2013
Cada vez estamos máis afeitos a ver como en poucas horas un
proxecto que busca financiamento abrindo a posibilidade facer pedidos
anticipados acada o seu éxito, garantindo a súa viabilidade, e o que vén
de conseguir tal en só 40 minutos é Coin,
unha solución que consiste nunha dispositivo con forma de tarxeta bancaria que
é capaz de almacenar no seu interior a información da banda magnética de ata 8
tarxetas (bancarias, de fidelidade, de socio...), para poder emulalas sen ter
que cargar con elas.
Este produto consegue así solucionar xa un problema que espérase que no futuro
poidan superar os teléfonos móbiles con tecnoloxías como o NFC, pero o seu
prezo non resulta económico, xa que preténdese que saia á venda no verán de
2014 a un prezo de 100 dólares, aínda que os que fagan a reserva do produto
poderán beneficiarse dun prezo promocional de 50 dólares (que parece ser
reclamo suficiente como para xuntar un milleiro de pedidos en 40 minutos).
Para operar cunha tarxeta Coin será preciso facer uso dun lector de bandas
magnéticas que pode conectarse directamente a un smartphone, que a través dunha
aplicación transmitirá a información á tarxeta. Logo, o dispositivo ten un
botón que permite conmutar entre as distintas tarxetas que teña na súa memoria
interna ata un total de 8, amosando un identificador das mesmas nunha pequena
pantalla integrada. A aplicación para smartphones pode almacenar un número
ilimitado de tarxetas, polo que o límite de 8 non debería ser un problema, xa
que as tarxetas cargadas en Coin poden mudarse en calquera momento.
A comunicación entre Coin e o móbil faise a través de Bluetooth, tecnoloxía que
tamén emprega para poder advertir se nalgún momento a tarxeta Coin se afasta
varios metros do smartphone (aproveitando as vantaxes do Bluetooth 4.0 LE) o
que permítenos evitar perder o prezado dispositivo multi-tarxetas (que, por
seguridade, pode configurarse para unha desactivación automática de transcorrer
certo tempo dende a última toma de contacto co móbil).
Esta curiosa solución resulta moi atractiva no mercado estadounidense, onde a
banda magnética aínda se emprega maioritariamente nas tarxetas bancarias, pero
en Europa resulta practicamente inútil na súa presentación actual (e máis se
temos en conta que tardará varios meses en ver a luz) de aí que os seus
responsables aseguren que futuras versións podería integrar os chips presentes
nas nosas tarxetas bancarias.
Vídeo promocional de Coin