Cociña en miniatura para abraiar ás amizades

xoves, 8 de febreiro do 2007 Fernando Sarasketa

Non é o que parece: non se trata de fomentar que adultos feitos e dereitos volvan á nenez e se comporten como verdadeiros pailáns á hora de recibir ás visitas no fogar, convidándoas a comer bolachas de mentira e café con leite inexistente. Non: non é unha cociña de pega, é simplemente unha cociña pequena e -como non podía ser doutro xeito nestes tempos de levalo todo de aquí para alá- tamén portátil. Chámase Transportable Kitchenett, e na Internet non atopamos nada sobre se lle acae ben ou non este trebello a unha boa churrascada ou (se o preferimos) a unha barbacoa gañana con cervexas e os amigos máis atravesados da veciñanza. Só precisa dunha toma de corrente para funcionar.
Como se pode ver na imaxe, inclúe fornelos e forno eléctrico e mesmo unha especie de pileta para meter os dedos con moito coidado e darlle ben cun miúdo anaco de freganzo (digo eu).

PUBLICIDADE