Cisco prepara un tablet orientado á telepresenza

mércores, 30 de xuño do 2010 Marcus Fernández

Finalmente un grande fabricante vai enfrontarse ao iPad cun tablet de seu, pero en vez de atacar polo sector doméstico, emprega o ámbito corporativo para establecerse, pois é precisamente aí onde é forte, xa que non é outra compañía que Cisco a que anuncia que está a preparar o Cius, un dispositivos con Android, pantalla táctil de 7 polgadas, Wi-Fi N, 3G (estando prevista a conectividade 4G), Bluetooth, micro-USB e cámaras (unha frontal capaz de gravar vídeo a 720p e outra traseira que toma imaxes de 5 Mpíxeles) que pretende atopar un oco coma xestor de correo e solución para a videoconferencia de alta definición.
O Cisco Cius pesará 520 gramos, contará cunha base de carga con conectores DisplayPort, Gigabit Ethernet e USB 2.0 e con funcionalidades de teléfono, polo que parece evidente que os usos do dispositivos distarán moito dos do iPad, de aí que non estea ameazado pola longa sombra de Apple.
O lanzamento comercial deste produto será a primeiros de 2011, pero algúns clientes de Cisco poderán probalo dende o terceiro trimestre do presente ano.

O Cisco Cius contará cunha base que amplía a súa conectividade


Vídeo de presentación do Cisco Cius

PUBLICIDADE