Cinfo leva a súa tecnoloxía de Intelixencia Artificial ao Auditorio e Palacio de Congresos Mar de Vigo

venres, 23 de abril do 2021 S. P.

O Auditorio e Palacio de Congresos Mar de Vigo veñen de implantar o sistema de produción automática Tiivii, desenvolvido pola empresa galega Cinfo, con sede na Coruña. Segundo informan fontes da firma, a instalación desta tecnoloxía “permitirá as actividades programadas por medio dun sistema de retransmisión en directo de forma totalmente automatizada e sen necesidade de intervención humana”.
O sistema Tiivii, engade Cinfo, pon ao Auditorio e o Palacio de Congresos de Vigo na vangarda da innovación para poder desenvolver eventos de maneira telemática.
Instalado no hall e na sala polivalente do Auditorio, a tecnoloxía implementada permitirá dar unha viraxe á metodoloxía usada até agora para achegar ao público os diferentes concertos, conferencias e espectáculos, “ao complementar as actividades por medio dun sistema de retransmisión en directo de forma totalmente automatizada e sen necesidade de intervención humana a través do uso de cámaras intelixentes que producen eventos de calidade en cuestión de minutos”, explican fontes de Cinfo, engadindo que o produto inclúe soporte para medios gráficos, locucións, mestura de vídeo e mesa completa de produción na nube reforzada por Intelixencia Artificial, elementos que poderán ser usados en función das necesidades particulares de cada evento.

PUBLICIDADE