Cine ao alcance de todos co proxector SIM2, DominoD60

mércores, 5 de novembro do 2008 Raquel Noya

SIM2, a prestixiosa firma italiana que fabrica os máis avanzados sistemas de proxección de vídeo, vén de presentar, para alegría dos grandes afeccionados ás pombas de millo torradas na casa, o novo proxector Domino D60, que ofrece proxeccións de calidade profesional sen ter que movernos do calor do noso fogar (que sobre todo nestas datas sempre é de agradecer).
O novo D60 caracterízase por ofrecer unha resolución de imaxes de 1080 p, a un prezo moi competitivo, o que o convirte nunha das opcións máis “potentes do momento” para os afeccionados ao cine dende a casa que desexen entrar no mundo do High End A/V sen ter que deixar por elo un ril como fianza.

Fiel á súa tradición de innovación e procura de calidade, o fabricante italiano SIM2 presenta o D60 co obxectivo de achegarlle “a calquera peto” a mellor definición de imaxe cun manexo doado e con total compatibilidade cun amplo abano de imaxe, relacións de aspecto (modo píxel a píxel e anamórfico incluídos) e formatos de conexión (Vídeo-Composto, S-Vídeo, Compoñentes de Vídeo, RGBHV e HDMI).
Este dispositivo inclúe, asemade, a sofisticada matriz DMD DarkChip 3 de 0´95” da estadounidense Texas Instruments que, unida a unha lámpada de proxección de 200 vatios, permite explotar plenamente as posibilidades da “Full HD” a partires do sistema de creación de imaxes DLP.
A última creación de SIM2 tamén incorpora o novidoso sistema Dual Iris, que serve tanto para mellorar o contraste como os detalles das esceas con pouca luz. En concreto, este iris variable está interconectado a tres modos de visionado prefixados: Cinema, Dynamic, e Standard.
Asemade, o novidoso circuito DynamicBlack de Texas Instruments examina dixitalmente a fonte de vídeo e modula a apertura do iris baseándose no nivel de luz presente na pantalla.
Outro dos puntos fortes do Domino D60 é a súa facilidade de configuración e instalación, destacando o sistema de desprazamento motorizado do bloque óptico no plano vertical (+60%/-40%).
Este dispositivo está dispoñible no mercado a un prezo de 3.990 euros.

PUBLICIDADE