China ten reparos ante a posible entrada de Oracle e Walmart en TikTok

mércores, 23 de setembro do 2020 Marcus Fernández

Instalacións de ByteDance en Beijing

Os bloqueos de TikTok e WeChat previstos para a pasada fin de semana non se fixeron efectivos, e no caso de TikTok o adiamento correspondía a unha prórroga para facilitar a compra do 20% de TikTok por parte de Oracle e Walmart, operación que podería servir para xustificar que Trump deixase de atacar á primeira grande plataforma social móbil chinesa en conseguir éxito global, pero dende China no parecen estar moi contentos coa situación, e dende China Daily non dubidan en falar de extorsión e considerar que os EE.UU. están a realizar prácticas mafiosas para obrigar a unha compañía lexítima a aceptar un acordo inxusto e inxustificado.
O acordo de venda de participacións de TikTok tamén obrigaría a que a nova empresa que se crearía, TikTok Global, tivese un cadro directivo cunha presencia chinesa mínima, e aínda que ByteDance non fose a vender a tecnoloxía de TikTok (simplemente a licenciaría á nova empresa) dende Oracle poderían supervisar o código fonte, e dado que TikTok e a súa versión chinesa (Douyin) comparten código (aínda que non usuarios) iso faría que dende EE.UU. terían información sobre as operacións dunha compañía chinesa e acceso á súa tecnoloxía base, o que podería ser un grande problema para o desenvolvemento da empresa a longo prazo.
Dende China ven todo este movemento empresarial como unha partida con cartas marcadas, na que os EE.UU. están a xogar sucio para destruír ou mercar unha empresa estranxeira que está a ter éxito. Considera que China non tería ningún motivo para favorecer esta situación que podería condenar á empresa chinesa ByteDance.

PUBLICIDADE