China podería lanzar en breve un smartphone de Pepsi con lector de pegadas dixitais

luns, 23 de novembro do 2015 Marcus Fernández

Aínda que nun principio parece que a súa distribución vai limitarse ao mercado chinés, unha campaña de micromecenado podería facer posible que en pouco máis dun mes vexa a luz o primeiro pepsi Phone, que chegará en versións P1 (para usuarios do operador China Mobile) e P1s (válido para outros operadores, no que poderiamos considerar unha versión internacional).
O pepsi Phone P1s sería un smartphone con pantalla Full HD de 5,5 polgadas, procesador MediaTek MT6592 de 8 núcleos a 1,7 GHz, 2 GB de RAM, 16 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD), dobre SIM (ten espazo para 2 tarxetas nano SIM, podendo empregarse o segundo espazo para unha tarxetas microSD), cámaras de 13 e 5 Mpíxeles, lector de pegadas dixitais, batería de 3.000 mAh, un grosor de 7,7 milímetros e un peso de 158 gramos. Este smartphone 4G estaría na liña de moitos outros smartphones chineses que chegaron ao mercado nos últimos meses, diferenciándose por funcionar con dido OS 6.1 (sistema operativo baseado en Android 5.1).
O prezo deste smarphone partía dos 699 iuans (102,77 euros), aínda que actualmente está en 999 iuans (146,88 euros) pasando logo aos 1.299 iuans (190,99 euros), prezos bastante atractivos para un terminal tan completo. O teléfono sairá á venda en tres cores distintas (azul, ouro e prata) sempre que a súa campaña de micromecenado consiga superar os 3 millóns de iuans (441.090 euros) antes do 3 de decembro.

O pepsi Phone P1s contará con lector de pegadas dixitais, prestación rechamante para un terminal tan económico

PUBLICIDADE