Chegan ás tendas os novos Galaxy S25

venres, 7 de febreiro do 2025 Marcus Fernández

Hoxe chegou finalmente ás tendas de todo o mundo a familia de móbiles Samsung Galaxy S25, que destaca especialmente pola súa capa de personalización One UI 7, que realiza unha grande integración da intelixencia artificial froito, en grande medida, da colaboración de Samsung con Google.
A serie Galaxy S25 presume de axentes de IA con capacidades multimodais, como Galaxy AI e Gemini, que permiten realizar tarefas complexas entre aplicacións a través de voz, texto, vídeos e imaxes. Aparte do funcións xa presentes en Galaxy AI como o asistente de escritura e o asistente de debuxos, nesta ocasión temos tamén Now Brief (un sistema de suxestións personalizadas para guiar ao usuario ao longo do día) e a Now Bar (un centro de actividades en curso que aparece na parte inferior da pantalla de bloqueo).
Cómpre salientar que agora é posible invocar a Gemini simplemente premendo un botón específico no lateral do smartphone e, para tirar un maior proveito desta tecnoloxía, os novos móbiles de Samsung inclúe 6 meses de balde de Gemini Advanced (o que tamén inclúe 2 TB de almacenamento na nube de Google). Gemini Advanced ofrece os modelos máis avanzados de IA de Google, desbloqueando tamén a posibilidade de gozar de Gemini dentro dos numerosos servizos da compañía de Mountain View.
A nivel de hardware o grande cambio da serie Galaxy S25 é a incorporación, en todos os modelos, do procesador Qualcomm Snapdragon 8 Elite for Galaxy, mentres que no caso do Galaxy S25 Ultra é notable o cambio do deseño das esquinas do terminal (agora máis redondeadas) e a mellora da cámara ultra grande angular para contar agora cun sensor de 50 Mpíxeles.

Vídeo no que amosan algunhas das vantaxes que achega a IA aos novos Galaxy S25