Chegan as rebaixas de Nadal a Xbox e PC (Steam)

martes, 22 de decembro do 2015 Marcus Fernández

Os petos dos xogadores están en perigo nos vindeiros días, pois varias das plataformas de venda de videoxogos en formato descargable están a celebrar o Nadal con descontos moi importantes, e mentres Sony aínda enredada coa súa promoción de 12 Ofertas de Nadal (que ten como prato forte un xogo de primeira liña que cambian cada 48 horas, que chega xusto agora á súa fin), Steam e Xbox xa están a amosar as súas grandes armas.
No caso de Microsoft, durante 17 días ofrece descontos na tenda dixital de Xbox, no que aseguran que son as rebaixas máis grandes que nunca fixeron nesta plataforma, que chega baixo o nome de Cuenta Atrás ou Countdown, no que van combinando ofertas diarias con ofertas semanais que chegan a descontos do 85%.
Entre os xogos que estarán rebaixados até o día 28 figuran grandes títulos como Titanfall, Transformers: Devastation, Dragon Ball Xenoverse, LEGO Batman 3 ou The Witcher 3, que os usuarios Gold poden conseguir como mínimo a metade de prezo; mentres que que outros xogos máis recentes teñen rebaixas máis modestas, pero bastante atractivas (por exemplo, un dos grandes títulos da campaña de Nadal, Rise of the Tomb Raider, pode mercarse por 46,89 euros, prezo polo que tamén podemos conseguir Mad Max).
Máis agresivas son aínda as ofertas de Steam, que un ano máis prometen deixar tremendo as tarxetas bancarias dos xogadores de PC con brutais descontos até o 4 de xaneiro. A cousa comeza forte con Metal Gear Solid V: The Phantom Pain cun 33% de desconto, Game of Thrones – A Telltale Games Series e Mad Max cun 66% de desconto, Back to the Future: The Game cun 75% de desconto, Dark Souls II cun 62% de desconto ou a triloxía de The Witcher con descontos de entre o 50 e o 85%.
En definitiva, unha magnífica oportunidade para incorporar xogos á nosa colección a un prezo moi inferior do que teñen fóra dos períodos de rebaixas aos que nos teñen acostumados os de Steam.

PUBLICIDADE