Chegan á India os primeiros smartphones Android One

luns, 15 de setembro do 2014 Marcus Fernández

O Karbonn Sparkle V é un dos primeiros smartphones con certificación Android One

Dende Google lembran que, aínda que se estime que no mundo hai uns 1.750 millóns de persoas con smartphone, hai outros 5.000 millóns de persoas que aínda non teñen acceso a dispositivos conectados, que teñen que conformarse con empregar o teléfono só para falar, e para superar esa fenda están a desenvolver o proxecto Android One, que busca definir unhas pautas para achegar ao mercado uns terminais o máis accesibles posibles, que hoxe mesmo comezarán a ver a luz na India.
Este proxecto ten varias faces, pois as barreiras para os smartphones non son só o prezo dos propios dispositivos, senón que tamén hai que procurar que poidan gozar das últimas versións dos sistemas operativos móbiles (lembremos como moitos smartphones económicos aínda se venden con Android 2.x) e a banda larga móbil tamén ten unha cobertura moi limitada (ou uns prezos moi elevados).
Para superar todo isto Android One desenvólvese en colaboración con fabricantes de teléfonos e de chips, e doutros axentes, e nos primeiros smartphones que comercializarán na India buscan fusionar prestacións moi demandadas como dobre SIM, almacenamento interno ampliable, batería substituíble e radio FM, elementos que non todos os smartphones asumibles estaban a incluír actualmente, e que resultan fundamentais para conseguir consolidar unhas especificacións básicas que poidan converterse en estándar, facilitando así que os dispositivos baixo o selo Android One poidan gozar das últimas actualizacións puntualmente. Google incluso chegou a un acordo con Airtel para que as actualizacións de software se distribúan de balde durante os primeiros 6 meses, contando tamén a oferta da compañía con até 200 Mbytes ao mes para descargar aplicacións de Google Play sen incluírse no consumo de datos contratado.
Os primeiros smartphones con Android One están a chegar da man dos fabricantes Micromax, Karbonn, Spice e MediaTek, con prezos que parten das 6.399 rupias (80,97 euros), e nos vindeiros meses agardan que se sumen ao programa Acer, Alcatel Onetouch, Asus, HTC, Intex, Lava, Lenovo, Panasonic, Xolo e Qualcomm, facendo que cada día sexa máis doado adquirir bos terminais móbiles a un prezo reducido.
O programa Android One bota a andar na India, pero xa está prevista a súa expansión a Indonesia, Filipinas, Bangladesh, Nepal, Paquistán e Sri Lanka antes do remate do ano, chegando a moitos outros países durante 2015.


Vídeo promocional de Android One

Primeiros dispositivos con Android One

Varias tendas en liñas da India xa nos permiten ver os primeiros móbiles con Android One, e parecen bastante prometedores. Por unha banda en Snapdeal.com podemos ver o Karbonn Sparkle V, un smartphone con pantalla IPS de 4,5 polgadas (cunha resolución de 480 x 854 píxeles), procesador de catro núcleos a 1,3 GHz, 1 Gb de RAM, 4 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 32 Gb), cámaras de 5 e 2 Mpíxeles, batería de 1.700 mAh e Android 4.4 (que coa certificación Android One contaría con actualizacións garantidas) que está á venda por 6.399 rupias, mentres que en Flickart.com atrévense a reducir o prezo anterior en 100 rupias para ofrecer o Spice One Dream UNO, que vén a ser idéntico en especificacións técnicas, coa vantaxe de ter un grosor inferior (9,15 milímetros, fronte aos 10,4 do teléfono de Karbonn).

PUBLICIDADE