Chegan a España os routers Nest Wifi de Google

martes, 5 de maio do 2020 Marcus Fernández

En España levan un par de anos á venda os routers Google Wifi, que facilitaban o establecemento de redes sen fíos de tipo malla, que conseguen unha cobertura de calidade en todos os recunchos do fogar a base de engadir elementos satélite que eviten as zonas con mala recepción do sinal, e agora estas solucións reciben o seu relevo, os routers Nest Wifi, que melloran as prestacións do modelo anterior e como grande novidade incorporan ao Asistente de Google nos dispositivos satélite, facilitando así ter un fogar conectado.
Os novos dispositivos Nest Wifi están dispoñibles na tenda en liña de Google, que chegarán en breve a outros establecementos comerciais como MediaMarkt, El Corte Ingles, Fnac ou PC Componentes. O router Nest Wifi ten un prezo oficial de 159 euros, mentres que un satélite Google Nest Wifi custa 139 euros, conseguíndose un importante aforro na súa compra conxunta (259 euros). O normal nun fogar é a compra dun router e un punto Nest Wifi e logo engadir algún punto adicional no caso de detectar zonas con pouca cobertura en vivendas de grande tamaño.
Estes trebellos poden configurarse e controlarse a través da aplicación móbil de Google Home, o que permite funcións como compartir a rede con convidados ou dar prioridade aos dispositivos que desexemos. Tamén poden establecerse condicións nos que certos dispositivos non poderán acceder á Rede ou bloquear contidos para adultos nos dispositivos que vaian ser empregados por menores. Estas funcionalidades tamén poderán controlarse por voz, aínda que o feito de que os satélites Nest Wifi inclúan o Asistente de Google non está limitado a recibir ordes, senón que tamén busca substituír completamente aos altofalantes Nest Mini, de xeito que tamén poden aproveitarse para a reprodución musical (podendo formar grupos con outros altofalantes no fogar para escoitar a mesma música ao longo da casa).

Os dispositivos Google Nest Wifi integran un altofalante con Asistente de Google, e ilumínanse para indicar cando o micrófono está activo.

PUBLICIDADE