Chegan a España o Mi 8 Pro e o Mi 8 Lite de Xiaomi

martes, 13 de novembro do 2018 Marcus Fernández

Xiaomi presentou en setembro un par de smartphones para o mercado chinés, o Mi 8 Lite e o Mi 8 Pro, que chegan esta semana a España e buscan atender a un amplo abano de consumidores ao ofrecer unhas grandes prestacións e un coidado deseño a prezos axustados, de xeito que os compradores poden elixir entre un e outro dispositivo en función do investimento económico que queiran realizar. O Mi 8 Lite funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 660 e está equipado cunha cámara frontal cun sensor Sony IMX576 de 24 Mpíxeles, de xeito que semella ideal para os que buscan disparar bos selfies, mentres que o Mi 8 Pro supón unha revolución ao prescindir do lector traseiro de pegada dixital para integralo debaixo da pantalla como factor distintivo.
O Mi 8 Lite non só ten unha xenerosa cámara frontal, que facendo uso da tecnoloxía Super Pixel consegue fotografías en interiores máis nítidas; senón que tamén conta cunha cámara traseira dual cun sensor principal Sony IMX363 de 12 Mpíxeles apoiado por un sensor Samsung S5K5E8 de 5 Mpíxeles. A súa pantalla de 6,26 polgadas ten unha resolución de 2.280 x 1.080 píxeles, e presenta unha pestana superior bastante discreta. A súa batería de 3.350 mAh soporta carga rápida por USB-C.
Sae hoxe mesmo á venda a un prezo de 269 euros con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento, estando tamén dispoñible unha versión con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento a un prezo de 329 euros.
Pola súa banda o Mi 8 Pro é todo un alta gama, cun procesador Qualcomm Snapdragon 845, 8 Gb de memoria LPDDR4X, 128 GB de almacenamento interno (UFS), a súa pantalla AMOLED de 6,21 polgadas ten unha resolución de 2.248 x 1.080 píxeles, conta con cámara traseira dual de 12 Mpíxeles cada unha con aperturas f/1.8 e f/2.4 respectivmaente, a cámara frontal é de 25 Mpíxeles, a súa batería é de 3.000 mAh con carga rápida por USB-C e conta con NFC (algo pouco frecuente nos móbiles de Xiaomi). Chega hoxe ao mercado español a un prezo de 599 euros.

PUBLICIDADE