Chegan a España as Ray-Ban Stories

xoves, 17 de marzo do 2022 Marcus Fernández

O pasado mes de setembro chegaron a varios mercados as Ray-Ban Stories, lentes con cámaras de 5 Mpíxeles pensadas para funcionar en combinación con Facebook, que e finalmente chegan a España a un prezo que parte dos 329 euros, estando dispoñibles con 3 formas diferentes e distintas cores de vidro que fan en total 20 combinacións de lentes e monturas.
Coa cámara dual de 5 Mpíxeles das Ray-Ban Stories pódense facer fotografías e vídeos a través de comandos de voz ou do botón de captura integrado na montura. Tamén conta cun sistema de altofalantes e un sistema de tres micrófonos para poder así captar audio para vídeos e poder aproveitar o dispositivo para realizar chamadas de voz co móbil. Utilizando a aplicación Facebook View pódense gardar, editar e compartir fotografías e vídeos en Facebook, Instagram, WhatsApp, Twitter e máis plataformas.
Como curiosidade, na tenda de Instagram de Ray-Ban está dispoñible a posibilidade de tirar proveito dun filtro de realidade aumentada para probar como nos sentaría cada un dos modelos de lentes.
As Ray-Ban Stories poden gravar até 60 segundos de vídeo (acendendo un LED para advertir da gravación aos que teñamos ao redor); permiten realizar chamadas, enviar mensaxes de voz e escoitar notas de voz dende Messenger e poden manexarse a través de ordes de voz en inglés, mentres que a aplicación Facebook View xa está dispoñible en español.
O interesante será agora ver o uso dan a estas lentes, pois as súas posibilidades son moitas (dende filmar deportes extremos até captar paseos pola cidade) e o principal atranco que teñen é a percepción que poidan ter as outras persoas dun dispositivo de gravación que poida ameazar a intimidade en calquera momento.

PUBLICIDADE