Chega unha nova edición dos Coruña Hacks, máis intensos e con premios

luns, 9 de marzo do 2020 Fernando Sarasketa

As comunidades técnicas GPUL, Coruña Developers e Árticos, todas elas con base de operacións na Coruña, celebran unha nova edición de Coruña Hacks este mes de marzo. A xuntanza será un laboratorio de experimentación coa forma de tres hackathons, a desenvolver o terceiro sábado de marzo, abril e maio.
Segundo informa Coruña Dixital, a iniciativa do Concello para propiciar e fortalecer o importante labor das comunidades abertas locais, nas tres xornadas de traballo organizaranse equipos para desenvolver proxectos baseados nas tecnoloxías libres.
No primeiro hackathon poranse en común as ideas das que sairán, mediante votación, as propostas nas que se traballará nas seguintes citas, e crearanse os equipos que farán evolucionar estes prototipos. No segundo farase que os proxectos collan impulso e forma (comezarán a verse os resultados finais) e no terceiro e último (o día máis intenso) presentarase cada contribución nos seus detalles, as mellores das cales obterán o seu recoñecemento.
“A nosa idea”, informan dende GPUL, “era darlle aos Coruña Hacks deste ano un algo máis de emoción, e durante tres sábados traballaremos en equipos para dar forma aos proxectos libres que competirán por ser o mellor ao remate das xornadas”. O obxectivo, engaden, “é crear un espazo de traballo periódico no que evolucionar os nosos proxectos a modo de hackathon recorrente no tempo pero sempre cun obxectivo claro, poñer o prototipo a funcionar antes do terceiro evento”.

PUBLICIDADE