Chega o Motorokr E8, combinando á perfección telefonía móbil e reprodución musical

luns, 30 de xuño do 2008 Marcus Fernández

En xaneiro Motorola anunciara o seu móbil Motorokr E8 pensado para a reprodución de música (soporta ficheiros MIDI, MP3, AAC, AAC+, Enhanced AAC+, WMA, WAV, AMR-NB e Real Audio v10), que finalmente chega a España, e aínda que non teña unhas características técnicas impresionantes si promete ser un terminal moi práctico para melómanos.
O Motorokr E8 é un móbil cuatribanda sen soporte 3G (soportando como máximo conectividade EDGE), mide 115 x 53 x 10,6 milímetros, pesa 100 gramos, conta cunha pantalla de 2 polgadas cunha resolución de 240 x 320 píxeles, cámara de 2 Mpíxeles e 2 Gb de memoria interna (ampliable ata 4 Gb), pero polo que destaca é por ser un dos móbiles máis parecidos a un iPod que se poden atopar no mercado (con permiso do iPhone).


Demostración do funcionamento do Motorokr E8

Por exemplo, o teclado do terminal pode cambiar de modo pulsando un botón, polo que funciona coma teclado de teléfono ou control de reprodución musical segundo o contexto no que se utilice (os textos das teclas non están gravadados fisicamente, senón que son cambiantes); tamén conta cunha roda de navegación táctil (moi semellante á dos reprodutores de Apple) que fai moi doado moverse polos menús e controlar a reprodución multimedia; o teclado virtual conta con retroalimentación (cando se pulsa e solta unha tecla se produce unha leve vibración que engade realismo e mellora a experiencia de uso); e para escoitar a música podemos optar por auriculares Bluetooth (pois soporta a modalidade estéreo desta tecnoloxía) o incluso por auriculares ordinarios, xa que conta cun conector de jack estéreo de 3,5 milímetros.

PUBLICIDADE