Chega o Modo Versus para o Resident Evil 5

martes, 7 de abril do 2009 Marcus Fernández

Hoxe incorporouse ao Bazar de Xbox LIVE e á PlayStation Network un contido de pago descargable para o xogo Resident Evil 5, que é un dos máis polémicos dos últimos meses por considerar moitos usuarios que debería vir de serie no xogo, pois simplemente se trata da liberación dun Modo Versus, que permite facer enfrontamentos un contra un e dous contra dous a través da Internet, podendo optar por dúas modalidades distintas: competir para gañar puntos derrotando aos Majini no modo Asasinos; ou enfrontarse directamente a outros xogadores no modo Superviventes.
Os usuarios da Xbox 360 deberán pagar 400 puntos (4,8 euros) por este engadido para o xogo, mentres que para PlayStation 3 custa 4,99 euros, aínda que sorprende que os alemáns non vaian contar polo momento con esta expansión do Resident Evil 5, posto que a USK (organismo de cualificación de videoxogos en función dos seus contidos) aínda non o aprobou.

PUBLICIDADE