Chega ás tendas españolas El Poder de la Fuerza II

mércores, 27 de outubro do 2010 Marcus Fernández

Mañá é unha data moi agardada para os xogadores que gozaron coa primeira entrega de El Poder de la Fuerza, pois esta aventura ambientada entre os episodios III e IV da saga galáctica de George Lucas (que foi o título con maiores vendas desta franquía) estrea secuela en España, chegando en versións para PlayStation 3, Xbox 360, Wii, PC e Nintendo DS (a PSP e a PS2 quedaron fóra da ecuación desta volta, mentres que da versión para iPhone descoñecemos a data de lanzamento), nun hack and slash moi continuista, que pule elementos da entrega anterior e conta cunha historia totalmente nova na que Starkiller busca atopar a súa propia identidade, así como atopar ao seu amor, Juno Eclipse, mentres que o seu antigo mestre, Darth Vader o persegue á vez que procura clonalo para crear un guerreiro Sith definitivo (de feito, o protagonista é realmente un duplicado perfecto do defunto Starkiller).
Estre as novidades desta aventura estará a posibilidade de loitar con dúas espadas de luz simultaneamente e a incorporación de novos poderes para dar lugar a combates máis espectaculares.
El Poder de la Fuerza II é unha obra predicible, na que recuperan moitos elementos do anterior xogo, así como referencias que agradecerán os seareiros das películas da saga, polo que non podemos negar que, para ben ou para mal, estamos ante un xogo de Star Wars, que por fortuna puliu moitos dos fallos da súa primeira parte (que pese a ser un xogo divertido, tiña numerosos bugs), aínda que coma crítica pódese comentar que estamos ante un xogo bastante curto (pode rematarse en pouco máis de 6 horas).
Non estamos ante un mal xogo, senón ante unha simple secuela que non destaca o seu argumento, o que non debería sorprender a ninguén, xa que o público que vai achegarse a este xogo sabe realmente o que vai atopar: acción ambientada nun universo fantástico cheo de historias cativadoras.


Un dos anuncios televisivos do xogo

PUBLICIDADE