Chega ás tendas españolas LittleBigPlanet 2

xoves, 20 de xaneiro do 2011 Marcus Fernández

O xogo LittleBigPlanet foi un dos lanzamentos máis significativos na historia da PlayStation 3, e aínda que non acadou os resultados agardados (pretendía converterse ao seu protagonista nunha especie de mascota da PS3, pero as vendas non acompañaron), a súa calidade garantiu a súa conversión á PSP e agora a chegada de LittleBigPlanet 2, un título que xa está dispoñible en 3 versións: edición normal, edición especial para coleccionistas (en caixa metálica e con vales de descarga de balde de varios disfraces e de 5 avatares para PSN) e paquete do xogo coa consola PS3 con disco duro de 320 Gb de capacidade. Os seus prezos recomendados son de 69,99, 74,99 e 349,99 euros respectivamente.
Desta volta o xogo non se limita a permitir crear mapas nos que moverse cunha mecánica plataformeira, senón que tamén abre a porta á creatividade a través da elaboración de xogos de distintos xéneros para compartilos despois na Rede, o que é un atractivo divertimento e tamén contribúe a incrementar a vida do xogo de xeito considerable (lembremos que a súa primeira entrega superou os 3 millóns de niveis creados polos usuarios). Tamén pode tirar proveito de PlayStation Move como sistema de xogo.

PUBLICIDADE