Chega ás tendas en liña a primeira entrega do xogo galego AR-K

xoves, 10 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

A aventura gráfica galega AR-K, da que falamos hai pouco na nosa web con motivo da súa posta en longo, comezou esta semana a súa distribución internacional. Segundo se di na Rede, a chegada ás tendas en liña do videoxogo estenderase ao longo de 2011 e en cinco quendas, unha por cada entrega-capítulo da aventura. A primeira achega (Sexo, mentiras e traballos de clase) sae a un prezo de 5,95 euros, e, coma as que están por vir, caracterízase sobre todo pola vontade de mesturar xéneros (intriga, comedia, ciencia ficción). Como dixemos en Código Cero, detrás deste proxecto atópase Gato Salvaje, unha empresa creada por catro mozos da Coruña (Sergio Prieto, Javier Vara e Javier Vilar). O xogo AR-K, que irrompe nun principio en computadores con Windows (e coa vista posta en futuras versións para Linux e Mac OS X), está dispoñible en galego, castelán, alemán e inglés. Por certo que non se descarta fornecer á comunidade de seareiros dunha versión en braille.
O xermolo desta saga está na independencia (coas vantaxes e inconvenientes que pon en xogo) e máis na arela de facer algo de gran impacto, divertido e imaxinativo, dende unhas condicións de medios limitados. De feito, a orixe do produto está nun traballo conxunto dos responsables de Gato Salvaje desenvolvido en cadanseu domicilio. Aí déuselle forma ao libreto, aos escenarios e máis aos personaxes. Para que o proxecto se convertese en realidade, contaron cun orzamento de 50.000 euros, o que entre outras cousas permitiulles contratar a profesionais da dobraxe, da programación e do deseño en 3D. O resultado, din eles mesmos e recollen medios como El Progreso, “é un produto independente, de baixo custe pero de alta calidade”.
Como dixemos, o argumento da saga insírese nun escenario de ciencia ficción, tirado da longa tradición literaria e cinematográfica sobre a reconstrución hipotética da realidade que está por vir. A protagonista é Alicia, unha estudante de xornalismo e nós, os xogadores, asumimos o papel da persoa que lle bota unha man no enleado proceso de pór os pés na terra logo dunha noite de xolda e de acordar no medio dunha trama que precisa de investigación e resolución. Por certo que esta primeira entrega do xogo xa está dispoñible na páxina web de Gato Salvaje ou ben nas tendas en liña especializadas.

PUBLICIDADE