Chega ás tendas PlayStation VR2

mércores, 22 de febreiro do 2023 Marcus Fernández

A espera por fin rematou, e o moi anticipado casco de realidade virtual para PlayStation 5 por fin chegou ás tendas a un prezo oficial de 599,99 euros. PlayStation VR2 supón un importante salto de calidade fronte a solución de realidade virtual para PlayStation 4, xa que as consolas anteriores de Sony non tiñan potencia dabondo para achegar boas experiencias de realidade virtual, e agora a combinación de PS5 e PlayStation VR2 convértese nunha das experiencias de realidade virtual máis accesibles do mercado, se deixamos a un lado os sistemas de realidade virtual autónomos como as Meta Quest 2 (que poden ofrecer experiencias avanzadas en combinación cun PC de grande potencia, o que suporía un investimento económico total aínda maior que o da solución de PlayStation).
Non hai dúbidas de que estamos ante un produto cun hardware excelente, pois aparte de boa imaxe e son, o casco de realidade virtual integra a tecnoloxía VR2 Sense que achega vibración ao casco, audio 3D e seguimento ocular, o que xunto a detección táctil dos dedos, a retroalimentación háptica e os gatillos adaptativos dos mandos conseguen unha experiencia moi inmersiva sen igual na actualidade, aínda que as dúbidas sobre o produto seguen aí, xa que o seu éxito non depende de si mesmo, senón do apoio que recibirá dos desenvolvedores de xogos nos vindeiros meses.
A consola nace con ducias de xogos como Horizon Call of the Mountain e Resident Evil Village, estando en preparación preto dun cento como Creed: Rise of Glory, The Walking Dead: Saints & Sinners: Chapter 2 Retribution ou No Man’s Sky, polo que a medio prazo poderá satisfacer a moitos, pero a longo prazo segue a ser unha incógnita, xa que é preciso contar cunha base de dispositivos moi ampla para que resulte rendible desenvolver xogos para PlayStation VR2. En calquera caso, os early adopters teñen motivos para o optimismo, xa que é de esperar que os xogos que saian para outras plataformas de realidade virtual vaian contar con versión para PlayStation, de xeito que haberá bastante títulos que, aínda que non sexan revolucionarios, axudarán a manter viva esta proposta de realidade virtual.

Tráiler no que detallan as características de PlayStation VR2

PUBLICIDADE