Chega ao mercado o primeiro casco autónomo compatible con Daydream

venres, 4 de maio do 2018 Marcus Fernández

Na mesma semana na que Facebook pon á venda as Oculus Go a un prezo que parte dos 219 euros anúnciase finalmente o lanzamento da solución de realidade virtual autónoma de Lenovo con tecnoloxía de Google (Daydream), as Lenovo Mirage Solo, que poden mercarse nos EE.UU. por 399,99 dólares, o que é un prezo claramente superior, pero iso é debido a que esta solución non se limita a ofrecer experiencias en 360 graos para usuarios sentados, senón que integran tecnoloxía de detección de movemento para permitir que o usuario poda estar de pé e moverse como acontece coas solucións de realidade virtual propias de ordenadores persoais.
Dende Google aseguran que actualmente hai máis de 350 xogos, aplicacións e experiencias con tecnoloxía Daydream, ou sexa, que poderán tirar proveito deste novo casco de realidade virtual, estando previstas moitas máis para os vindeiros meses. Para tirar proveito da liberdade de movemento (WordSense) habería actualmente máis de 70 títulos, que son os que realmente sorprenderán aos usuarios, por permitir somerxerse nun mundo virtual dun xeito moi inmersivo. Aínda que esta solución de realidade virtual non pode conseguir a potencia de, por exemplo, os cascos HTC Vive (apoiados en ordenadores de alta gama) si teñen unha grande vantaxe fronte aos mesmos: carecen de cables. Temos así unha solución de realidade virtual con liberdade de movemento que tanto é asumible como confortable, o que semella ser unha combinación gañadora.
Este lanzamento vén acompañado por outro produto moi interesante, a Lenovo Mirage Camera, que pode mercarse por 299,99 dólares, e que vén a ser unha cámara compacta con dous obxectivos de ollo de peixe que permiten captar contidos en formato VR180, ou sexa, en 180 graos con visión estereoscópica (o que vulgarmente chamamos 3D), podendo incluso conectarse á Rede por Wi-Fi para poder transmitir en directo a través de YouTube o que teña diante de xeito moi realista.
A combinación de ambos produtos pode resultar interesante, xa que coa cámara podemos capturar momentos dun xeito inmersivo que logo poderemos revivir co casco de realidade virtual.

PUBLICIDADE