Chega a occidente o xogo independente de loita Yatagarasu

venres, 5 de abril do 2013 Marcus Fernández

Yatagarasu é un xogo de loita 2D desenvolvido polo estudio independente PDW/Hodapen con grandes reminiscencias ao xogo de Capcom Street Fighter III: 3rd Strike, que saíu á venda como descarga dixital (sendo posible mercar unha copia física a través da súa páxina web) só no Xapón, deixando aos seareiros deste tipo de títulos sen acceso a este creación que está a preparar o seu salto tamén á Nintendo 3DS, pero esta limitación ven de superarse, e onte mesmo Rice Digital incorporouno á súa tenda en liña a un prezo de 7,99 libras esterlinas (10,05 euros se o mercamos dende España) para o que tiveron que localizar parcialmente esta versión.
Este xogo non só recupera as mecánicas de moitos clásicos, senón que tamén conta coa súa mesma estética, pois no seu deseño participou Kotani Tomoyuki, un dos artistas de SNK e a saga King of Fighters, polo que os incondicionais do xénero non deberían perderse este produto descargable.
En Yatagarasu podemos elixir entre 8 personaxes xogables, modos de 1 e 2 xogadores, modos de adestramento e repetición, un sistema de ataque de con 4 botóns e sistema de esquivado con 2 botóns, personaxes debuxados a man e unha banda sonora orixinal. Non lle faltan movementos especiais, cancelacións e incluso un complexo sistema defensivo que permite mitigar os ataques recibidos.


Vídeo de adianto da versión para 3DS de Yatagarasu

PUBLICIDADE