Chega a móbiles Dr. Mario World

mércores, 10 de xullo do 2019 Marcus Fernández

Por fin chegou á App Store e á tenda de aplicacións de Google Play o agardado xogo Dr. Mario World, o novo título móbil de Nintendo para dispositivos móbiles que pode descargarse totalmente de balde (incluíndo compras dentro da aplicación) e que aspira a converterse na grande alternativa ao Candy Crush Saga grazas ao uso dunha figura tan recoñecible como Mario.
O xogo consiste en situar pílulas nas distintas fase de xeito que fagan desaparecer ás bacterias que están a sementar o caos. A mecánica é sinxela: ao xuntar 3 celas das mesma cor en horizontal ou vertical, desaparecerá. A isto súmanselle distintos elementos como caparazóns e bombas, xunto a habilidades e axudas que poderán aplicarse, moi na liña do xa mencionado Candy Crush, de xeito que os usuarios non terán problema á hora de afondar nas posibilidades deste xogo que, aparte da súa compoñente de xogo individual, tamén permite retar a xogadores de todo o mundo en duelos.
Dr. Mario World chega con máis de 200 niveis no seu Modo Aventura e adopta unha estética moi na liña do Super Mario Run, polo que é de esperar que funcione bastante ben nas vindeiras semanas, quedando como incógnita se conseguirá reter usuarios a longo prazo a base de actualizacións frecuentes, algo fundamental nos títulos co mesmo modelo de negocio.

PUBLICIDADE