Chega a iOS un xogo do suposto fillo do Profesor Layton

xoves, 27 de xuño do 2013 Marcus Fernández

Aproveitando a sona da saga de xogos para consolas portátiles do Profesor Layton, dende Level-5 estrean hoxe un xogo para iOS emparentado coa mesma, Layton Brothers Mystery Room, no que o inspector Alfendi Layton e a súa axudante, a detective Lucy Baker, investigan os casos máis extraordinarios na habitación do misterio en Scotland Yard, o que parece unha proposta máis propia da franquía de Phoenix Wright Ace Attorney que da do Profesor Layton.
No xogo podemos investigar escenas de crimes, atopar as contradicións nos casos contrastando testemuños e evidencias e mesmo enfrontarse aos criminais desbaratando os seus argumentos ata que se destapa a verdade de cada misterio.
O xogo ofrece os seus dous primeiros capítulos de balde, permitindo ampliar a experiencia mediante compras dentro da aplicación, custando 2,69 euros o lote de capítulos do 3 ao 6 e 1,79 euros o lote cos capítulos do 7 ao 9. Cómpre destacar que o xogo, polo momento, só está dispoñible en inglés.


Trailer do novo xogo para iOS de Level-5

PUBLICIDADE