Chega a Switch New Super Mario Bros. U Deluxe

venres, 11 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

A finais de 2012 saíu á venda New Super Mario Bros. U, xogo de plataformas en 2D que en 2013 recibiría a expansión New Super Luigi U, pero como a consola para a que se lanzou este xogo, a Wii U, non tivo grandes vendas, este xogo está a recuperarse para Nintendo Switch como New Super Mario Bros. U Deluxe, título que pode mercarse dende hoxe mesmo.
Temos aquí un xogo co estilo clásico de Super Mario no que percorrer máis de 160 niveis de desprazamento lateral con até 4 xogadores que poden xuntar forzas para recoller moedas e derrotar aos inimigos que van saíndo no camiño (ou cos que competir para ver quen recolle máis moedas).
Desta volta Mario, Luigi e Toad terán como compañeiros de aventuras a Caco Gazapo e Toadette, personaxes cos que gozar deste título, destacando o feito de que se Toadette equípase cunha supercoroa convértese en Peachette. Estes dous últimos personaxes son unha novidade da versión de Switch do xogo.
Como xa comentamos, aparte de New Super Mario Bros. U, a súa versión Deluxe tamén incluirá a expansión New Super Luigi U, de xeito que poderemos gozar do xogo con Luigi como protagonista.
En New Super Mario Bros. U Deluxe non faltarán unha chea de potenciadores, a axuda de Yoshi e dos bebés Yoshi, e varios modos de xogo cos que poder aproveitar o xogo ao máximo.

Tráiler de lanzamento de New Super Mario Bros. U Deluxe

PUBLICIDADE