Chega a Galicia a VI Ciberliga Nacional de retos no ciberespazo organizada pola Garda Civil
mércores, 6 de novembro do 2024
A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Xunta, Judith Fernández, participaron na mañá deste 6 de novembro na presentación da VI Ciberliga Nacional de Retos no Ciberespazo que organiza a Garda Civil. O acto tivo lugar no IES Alfredo Brañas de Carballo, e contou coa participación do alumnado de 4º da ESO que son aos que se dirixe modalidade pre-amateur creada na anterior convocatoria.
Serán un total de 51 os centros educativos de Galicia que poden inscribir aos seus equipos, antes do 22 de novembro. Os equipos deberán estar compostos (preferentemente) por 4 estudantes, que disputarán a fase clasificatoria en Galicia entre o 25 o 29 de novembro nos propios centros educativos. Os institutos clasificados disputarán a final no Centro Universitario da Garda Civil de Aranjuez no mes de marzo de 2025.
A subdelegada indicou que con esta competición, a Garda Civil pretende concienciar á xuventude sobre o uso seguro e responsánel das novas tecnoloxías, así como potenciar o coñecemento e premiar o talento no ámbito da ciberseguridade. O alumnado participante, dixo, “terá que enfrontarse a unha serie de ciber-retos que simulan situacións reais que poden atoparse cando navegan por Internet, e para resolvelos deberán empregar todas as súas habilidades, traballando en equipo e poñendo en práctica as ensinanzas recibidas, especialmente na acción formativa que se desenvolve de maneira previa á competición”.
Durante a súa intervención, María Rivas sinalou que “a ciberseguridade constrúese e debe mellorarse día a día”, sente este o único xeito de enfrontar as novas ameazas que van xurdindo. “Os hackers cada vez actúan cun maior nivel de sofisticación, e necesitamos protexer a información e os sistemas. Isto lévanos á necesidade de pór en marcha medidas de seguridade cada día máis robustas e para conseguilo é fundamental a formación e a incorporación de talento”.
Finalmente convidou a todos os centros educativos e ao alumnado de 4º da ESO a participar na National Cyber League da Garda Civil para contribuír dende a mocidade a crear entre todas e todos esa Internet máis segura, aproveitando a competición para aprender máis sobre ciberseguridade, superar retos, e tamén divertirse e competir en equipo.
A quinta edición (ano 2023) activou a modalidade pre-amateur, para alumnos de 4º curso da ESO, cun proxecto piloto nas Comunidade Autónomas de Galicia, Castela a Mancha e Madrid. A participación chegou a máis de 4.000 alumnas e alumnos de 4º da ESO das 4 Comunidade participantes nesa primeira convocatoria.
Na sexta edición (2024) ademais de continuar coas modalidades amateur e para profesionais das forzas de seguridade, afiánzase a pre-amateur, aumentando a nove as Comunidades Autónomas nas que os alumnos de 4º da ESO demostrarán as súas habilidades e coñecementos. Ademais das Comunidades Autónomas do ano 2023, este ano únense Cantabria, Castela e León, Estremadura, Illas Baleares, Illas Canarias e Navarra.
No acto de presentación da Ciberliga tamén participaron o xeneral xefe de Zona de Galicia da Garda Civil, Miguel González Arias; o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; e a directora do IES Alfredo Brañas, Mónica Mariño.