Chega a España o Moto X Force

venres, 8 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

Para os usuarios que buscan un smartphone de alta gama que sexa o suficientemente resistente como para poder levalo sen funda con tranquilidade chega finalmente ao mercado español o Moto X Force, que pode adquirirse a uns 699 euros a través dos principais distribuidores, o que parece un prezo un tanto elevado, pero que poderán considerar xustificado os que padeceran en varias ocasións danos no seu terminal por molladuras ou caídas, xa que o Moto X Force goza de revestimento nanométrico impermeable e pantalla Moto ShatterShield (a primeira pantalla de smartphone garantida contra fendas ou roturas durante 4 anos).
A grandes trazos podemos comentar que estamos ante un smartphone 4G con pantalla AMOLED de 5,4 polgadas cunha resolución de 2.560 x 1.440 píxeles), procesador Qualcomm Snapdragon 810 de 8 núcleos a 2 GHz, 3 GB de RAM, 32 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 2 TB), cámaras de 21 e 5 Mpíxeles, un grosor de 7,6-9,2 milímetros e un peso de 169 gramos. Entrando en máis detalles temos que a súa cámara traseira conta con flash LED dual con tempoeratura de cor correlacionada, gravación de vídeo 4K e vídeo HDR; ten conectividade Wi-Fi AC, Bluetooth 4.1 e NFC; integra 5 micrófonos con cancelación de ruído activa; e a súa batería de 3.760 mAh sería capaz de achegar unha autonomía de até 48 horas para un uso mixto, contando tamén con carga sen fíos e tecnoloxía TurboPower para poder conseguir 13 horas de autonomía en só 15 minutos de carga. Un terminal con especificacións propias da alta gama, que en vez de presumir de grandes prestacións opta pola resistencia como un valor que incite á súa compra.

Aparte de ser un smartphone resistente, o Moto X Force tamén conta con numerosos detalles que deixan ver que estamos ante un terminal premium

PUBLICIDADE