Chega a España o Kindle Fire HD 8,9"

mércores, 13 de marzo do 2013 Marcus Fernández

No outono Amazon presentou novos tablets da familia Kindle, pero esta liña de produtos chegou incompleta a España, o que veñen de corrixir, de xeito que o Kindle HD xa non está dispoñible só no seu modelo con pantalla de 7 polgadas (que non parece ter conseguido destacar fronte ao Nexus 7 de Google), senón que tamén poderá mercarse nun moito máis atractivo modelo con pantalla de 8,9 polgadas cunha resolución de 1.920 x 1.200 píxeles, ou sexa, que consegue meter a alta definición nun tablet relativamente compacto que está practicamente á altura da pantalla Retina do iPad.
Con Kindle Fire HD 8,9” achégase unha oferta que, en vez de optar por un prezo moi reducido, aposta por unha pantalla de alta calidade, polo que pode ser unha das opcións máis interesantes para os usuarios que queren gozar de películas en alta definición con son estéreo e, máis especialmente, para os que gustan de ler no tablet (pois o texto gaña moita definición nas pantallas de alta densidade de píxeles).
Este novo tablet chega con 16 ou 32 Gb de capacidade de almacenamento de disco por 269 e 299 euros respectivamente para a súa versión con publicidade (amosa ofertas especiais cando o dispositivo non está en uso), podéndose eliminar tal posibilidade ao adquirir o dispositivo por 15 euros máis.
Tamén resulta atractivo o feito de que os tablets de Amazon teñen acceso a un amplo catálogo de contidos (películas, música, libros...), e concretamente no caso do Kindle Fire HD 8,9” podemos destacar tamén a velocidade da súa Wi-Fi (dual), a súa cámara frontal de alta definición (ideal para videoconferencias) e a súa batería cunha autonomía de ata 10 horas. As súas medidas son de 23,9 x 16,3 x 0,9 centímetros e pesa 567 gramos, polo que podería describirse como unha especie de iPad estreito (pois a súa pantalla é panorámica) cun prezo inferior ao do iPad mini (o que o converte nunha opción moi interesante, sempre que teñamos en conta que os tablets de Amazon funcionan cunha versión de Android controlada pola compañía de Jeff Bezos).

O Kindle Fire HD 8,9" ten unha cámara frontal de alta definición que facilita as videoconferencias a través de Skype

PUBLICIDADE