Chega Galejobs para mellorar dende a Rede a situación laboral da nosa terra

luns, 7 de setembro do 2015 Fernando Sarasketa

Este verán chegou á nosa Rede un novo servizo que en boa medida xa nos tardaba. Falamos de Galejobs, un portal galego posto en marcha para persoas residentes na nosa terra que se atopan arestora procurando un posto de traballo e ás que lles interesa acadalo o máis preto posíbel do seu fogar. O servizo, todo el achegado na nosa lingua, foi posto en marcha por un equipo de profesionais procedentes dos eidos financeiro, comercial e das relacións públicas, xurdiu coa arela de cubrir coa súa actividade toda a contorna xeográfica galega, non só a das grandes cidades.
Segundo informan os seus responsábeis, o proceso de busca de emprego e a alta do noso perfil profesional son de balde. Este mes de setembro, logo das boas expectativas de agosto (os case 8.000 seareiros de Facebook a día 7 de setembro), o portal abre fogo co sorteo ‪#‎AxudaGalejobs‬, no que podemos gañar o curso en liña acubillado no portal que máis nos interese. O único que temos que facer é achegar un gústame na páxina de Galejobs en Facebook e logo crear o noso perfil profesional no servizo.
Volvendo a Galejobs e os motivos que xeraron a súa posta en marcha, sinalar que unha das finalidades da iniciativa é “mellorar a situación laboral da nosa terra, potenciándoa como unha comunidade produtora e xeradora de riqueza”. Con este obxectivo, os impulsores do portal xa deron o coñecer o seu compromiso firme de potenciar o emprego e comercio galego, “na crenza firme de que unha rede de consumo entre as empresas de Galicia fomentará a mellora económica da nosa comunidade”. Ao seu xuízo, rebordamos talento profesional e empresarial nunha manchea de ámbitos de actividade, polo que era imprescindíbel pór en marcha medidas que, coma esta, contribuíran a canalizalo.
Os creadores do portal tamén sinalan que entre as súas arelas atópase a de seren un referente galego en materia de consultoría de recursos humanos e formación, “adiantándonos á tendencias do mercado e ofrecendo un produto de calidade”.
Arestora, no apartado de ofertas, o servizo fornece xa preto de 80 entradas pertencentes aos máis variados ámbitos laborais (moitos deles ámbitos TIC) e divididas nos seguintes tipos de contrato: formación, freelance, indefinido, prácticas, substitución, temporal ou tempo parcial.

PUBLICIDADE