Chamamento na Coruña a seguir afondando nas grandes vantaxes das redes sociais

martes, 20 de decembro do 2011 Fernando Sarasketa

Finalmente nas xornadas anticrise das que falamos os días pasados, celebradas na Coruña, impuxéronse as redes sociais (e súas múltiples vantaxes na comunicación e nos negocios) como protagonistas, como eixe do programa e, tamén, como escusa de peso para vindeiros encontros da mesma índole (que virán). Os encontros, ademais, fixeron honra á súa temática e convertéronse, eles mesmos, nunha rede social con achegas, comentarios e participación do público. O evento, moi centrado na vertente empresarial e promocional destas comunidades 2.0, celebrouse no Paraninfo da Universidade da Coruña, da man do Concello e a UDC.
A recta final da cita contou coa presenza de Juan Merodio, Tristán Elósegui, José Luis Casal e Manuela Battaglini, todos eles especialistas nas posibilidades da nova comunicación na que se destrúe as figuras tradicionais de comunicador e lector, agora colaborando uns cos outros de maneira estreita e enriquecedora. O público, informa a organización, insistiu pola súa parte na necesidade promover unha segunda edición e facer da Coruña o punto de encontro do mundo 2.0 e máis das redes sociais no norte da Península.
O evento dirixiuse sobre todo a profesionais do marketing, a comunicación e as novas tecnoloxías, e así se fixo notar nos asistentes. Con todo, achegouse ao Paraninfo xente dos máis variados perfiles, interesada en desenvolver un negocio e nas claves de promoción que as redes sociais lle poñen ao seu alcance (baratas, accesíbeis e eficaces).
A recta final das xornadas comezou cunha estratexia colectiva de medios en liña, afondándose dende un punto de vista múltiple no mellor uso que se lles pode tirar. Na segunda parte da sesión, os relatores centráronse en cómo elixir a rede que mellor se pode adaptar aos intereses dunha campaña comercial, xa sexa para unha empresa ou para un emprendedor. O encontro foi clausurado por María Fernanda Arenas, xerente do Consorcio de Turismo da Coruña, quen salientou o papel das redes sociais como medios de comunicación abertos e accesíbeis, con moitas posibilidades de mellorar o posicionamento da cidade e dos seus atractivos.

PUBLICIDADE