Ceton Echo permite levar ao televisor os contidos de Windows Media Center

luns, 5 de novembro do 2012 Marcus Fernández

Para levar os contidos dun ordenador con Windows Media Center a outros currunchos do fogar porase á venda a finais de mes o Ceton Echo, un dispositivo que pode conectarse ao televisor por HDMI e que pode comunicarse por Gigabit Ethernet cun ordenador no que teñamos unha tarxeta sintonizadora de televisión, para facilitar o acceso tanto á televisión en directo como á gravacións dos programas favoritos e a fotografías, música e vídeos almacenados no ordenador.

A nosa biblioteca audiovisual estará dispoñible a través dun smartphone ou tablet

Temos así unha interesante solución para levar o lecer audiovisual a un televisor instalado nun dormitorio ou noutra habitación na que só teremos que colocar o pequeno dispositivo de Ceton (mide 10,9 x 9,3 x 2 centímetros), que tamén destaca polo seu reducido consumo e por poder controlarse tanto co seu mando a distancia como en conxunción cun smartphone ou un tablet dende o que administrar a nosa biblioteca multimedia.
O prezo do Ceton Echo nos EE.UU. é de 179 dólares (139,92 euros), e podemos ver como é o seu funcionamento no seguinte vídeo:

PUBLICIDADE