Centos de milleiros de lentes con cámara de Snapchat acumúlanse sen vender
martes, 24 de outubro do 2017
Hai
algo máis dun ano Snap Inc., compañía
detrás de Snapchat, fixo unha arriscada xogada consistente en comercializar
unhas lentes con cámara chamadas Spectacles, que estaban dispoñibles
inicialmente só a través dunhas poucas tendas efémeras repartidas por cidades
de EE.UU., e que non foi até o pasado mes de xuño cando chegaron
a Europa a un prezo de 149,99 euros, o que non parece ter sido dabondo para
popularizar este produto de moda que
só podía rexistrar fotografías e vídeos para compartirse a través de Snapchat,
o que é todo un problema actualmente, xa que esta plataforma social está claramente
en decadencia grazas en boa medida á incorporación das historias por parte de
Instagram.
The Information está a pór en cifras a situación deste produto, que estaría a
padecer os problemas dunha mala previsión de vendas, acumulando
milleiros de unidades nos seus almacéns. Neste último ano Snap tería
vendido máis de 150.000 unidades das Spectacles, pero nos almacéns chineses da
compañía habería centos de milleiros de unidades á espera, da que moitas
estarían incluso sen ensamblar, deixando claro que realmente non hai esperanza
en que poidan chegar realmente ao mercado ante a súa falta de demanda real,
confiándose en que as pezas poidan aproveitarse para unha posible revisión
deste produto, que anunciaríase en breve.
O fracaso das Spectacles parecía algo cantado,
xa que o produto non puido mercarse en liña até o pasado mes de febreiro, ou sexa,
deixando pasar a expectación inicial e a campaña de Nadal, o que claramente foi
un erro de calendario, e o seu elevado prezo tampouco favorece a súa compra
impulsiva como un simple produto de
tempada. Confiemos en que a compañía
aprenda dos erros, e agora que se autodefinen como «unha compañía de cámaras»,
saiban comercializar os seus futuros produtos dun xeito máis efectivo.