Cee acolle unha nova actividade de Nativos R

martes, 6 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

Esta sexta feira, o venres 9, imos ter en Cee unha boa oportunidade de dixitalizarnos da man de R. Estamos a falar dunha nova actividade do programa Nativos R, dirixido a acurtar as distancias entre as persoas que naceron e medraron no ambiente dixital, enchoupándose nel, e quen non tivo ocasión de saber para que consisten as novas tecnoloxías. A idea é mobilizar os diferentes integrantes do núcleo familiar ou do tecido docente.
En palabras de R, Nativos R diríxese á cidadanía que se ben non naceu na era dixital, convive con persoas (nenas, nenos, adolescentes, mocidade) que si que o fixeron, abrindo interesantes camiños de comunicación e interacción entre uns e outros.
As charlas, cen por cen de balde, visitarán deseguido O Carballiño, Verín, a Mobile Week Coruña, Sarria e A Guarda.
A cita de Cee celébrase en horario de 18:00 a 20:00 h, na Casa da Cultura da localidade coruñesa (rúa Alcalde Pepe Sánchez, 9).
Segundo explica a operadora galega, con Nativos R quérese desmitificar ideas asentadas “como que as novas xeracións son competentes no uso das novas tecnoloxías polo mero feito de ter nacido con elas ou que Internet, as redes sociais e os móbiles son prexudiciais en si mesmos”. Tamén se falará da nova terminoloxía neste eido (cyberbulling, sexting, grooming...), de como nos afecta a todas e todos o cambio dixital e dos principais riscos de Internet e de que maneira previlos, entre outros temas.
Para asistir á charla de nativos R en Cee cómpre contar con algún dos convites do operador galego, que se poden recoller dende o pasado 31 de outubro e até o mesmo 9 de novembro na tenda R da avenida Lina Rodríguez Madero, no número 9 da localidade. Tralo seu paso por Cee, as charlas nativos R visitarán O Carballiño, Verín, a Mobile Week Coruña, Sarria e A Guarda.
As charlas nativos R enmárcanse no programa Digitalent 2020 da Xunta (a través da axencia AMTEGA), cuxo obxectivo primeiro é estimular o talento precoz no ámbito das TIC e fomentar vocacións nas profesións científico- tecnolóxicas dende idades temperás, especialmente entre mozos e mozas, ademais de educar no uso das novas tecnoloxías a persoas de todas as idades.

PUBLICIDADE