Castlevania terá unha serie animada en Netflix

xoves, 9 de febreiro do 2017 Marcus Fernández

De xeito bastante discreto Netflix incluíu no seu calendario de lanzamentos para 2017 unha serie de animación baseada no videoxogo Castlevania, que principiaría cunha tempada de 4 episodios de media hora dos Frederator Studios escritos polo célebre guionista de cómics Warren Ellis e que contaría con produtores executivos como Kevin Kolde, Fred Seibert e Adi Shankar, sendo este último o que tamén adiantou a través de Facebook que está prevista unha segunda tempada para 2018.

Imaxe do xogo orixinal para NES

Castlevania será unha serie orixinal de Netflix con distribución global na que contarán a historia fantástica do último membro do clan Belmont na súa loita contra Vlad Dracula Tepe, vampiro que ameaza a supervivencia da Europa oriental.
Coméntase que estariamos ante unha historia de elevada violencia inspirada non no xogo de Castlevania orixinal, senón en Castlevania III: Dracula’s Curse, historia na que Trevor Belmont se enfronta a Drácula e ao seu exército de monstros e que sería unha precuela do xogo orixinal.

PUBLICIDADE