Casio prepara un reloxo que funcionará con Android Wear 2.0

xoves, 5 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

Tras comercializar o Smart Outdoor Watch WSD-F10, Casio mantense na senda dos smartwatches e anuncia o Smart Outdoor Watch Pro Trek Smart WSD-F20, o que sería un dos primeiros reloxos conectados que funcionarán con Android Wear 2.0, aínda que teremos que agardar ao 21 de abril para velos nas tendas en cor negro e laranxa.
O WSD-F20 sería un smartwatch con pantalla táctil de 1,32 polgadas cunha resolución de 320 x 300 píxeles, que presenta unha capa LCD de cor e outra monocromo (buscando un menor consumo de batería), micrófono, vibración, Bluetooth 4.1, Wi-Fi N, diversos sensores (compás, acelerómetro, xiroscopio e sensor de presión), certificación MIL-STD-810 con resistencia á auga de até 50 metros, cargador magnético, batería cunha autonomía de máis dun día para uso completo e máis dun mes como reloxo ordinario, un tamaño de 61,7 x 56,4 x 15,7 milímetros e un peso de 92 gramos.
Un produto realmente interesante, que é compatible tanto con smartphones con Android 4.3 ou superior como con iOS 9 ou superior (ou sexa, a partires dun iPhone 5).
Entre as funcións máis interesantes deste trebello sería o poder servir de navegador GPS a toda cor (podendo almacenar os mapas para o seu uso fóra de liña) para o que integra un GPS de baixo consumo. O reloxo tamén permite determinar a nosa posición actual e incluso escribir anotacións no mapa (mediante marcadores ou incluso mediante notas de voz). Ao funcionar con Android Wear 2.0 tamén contará con numerosas aplicacións, incluíndo moitas deportivas que se adaptan ás nosas actividades.

Funcionando como un simple reloxo a batería do WSD-F20 pode durar até un mes

Vídeo promocional do novo smartwatch de Casio

PUBLICIDADE