Casio prepara un reloxo con Wear OS

luns, 5 de abril do 2021 Marcus Fernández

Casio anunciou un novo reloxo resistente, o GSW-H1000, un smartwatch da familia G-SQUAD PRO que sorprende por funciona con Wear OS, o sistema operativo de Google para reloxos conectados, que promete recuperar pulo nos vindeiros meses.
Estamos ante o primeiro smartwatch G-SHOCK con Wear OS, dirixido a un uso deportivo, que integra sensores de ritmo cardíaco, compás, altímetro, acelerómetro, xiroscopio, GPS e máis funcións nun corpo capaz de resistir a auga até a 200 metros de profundidade. Este resistente reloxo ten unha pantalla táctil de 1,2 polgadas bastante curiosa por utilizar dobre capa: unha monocromo que está sempre acendida e unha de cor, visible cando queremos consultar mapas ou datos de sensores que precisan de amosar a información de xeito máis detallado.
O GSW-H1000 ten conectividade Bluetooth 4.2 e Wi-Fi N, inclúe micrófono, e a súa batería permítelle unha autonomía de día e medio coa pantalla de cor acendida, podendo colocarse nun modo de funcionamento no que reducen o uso de funcións smart para chegar até 1 mes de autonomía (ou sexa, que funcionaría dun xeito semellante a moitas pulseiras de actividade).
Este curioso smartwatch terá un prezo recomendado de 699 euros, polo que é un dos reloxos de Casio máis caros do mercado, distanciándose bastante incluso da meirande parte de reloxos conectados do mercado, o que enténdese que é consecuencia de poder asociar as funcionalidades dun reloxo con Wear OS cun estilo tan carismático como o de Casio.

Vídeo promocional do Casio GSW-H1000

PUBLICIDADE