Case trescentos estudantes participaron no obradoiro de videoxogos de Gradiant

martes, 17 de novembro do 2009 Fernando Sarasketa

Gradiant, o centro galego de investigación TIC, foi onte o escenario dunha actividade de lecer dixital encamiñada a poñer de relevo os pasos a seguir para o desenvolvemento dun videoxogo. O obradoiro en cuestión, inserido dentro da achega de Gradiant para a Semana da Ciencia 2009, contou coa participación de case trescentos rapaces chegados de toda Galiza e do director de Continental Games, Carlos Fernández, quen realizou un percorrido pola historia dos videoxogos e avaliou polo miúdo a natureza dos proxectos nos que está a traballar arestora: xogos para PC e para a Wii de Nintendo, entre outros. Neste senso, Fernández fixo saber que Continental é a única empresa galega con licenza de Nintendo para deseñar produtos de lecer dixitais sobre a súa plataforma. Asemade, falou polo miúdo dunha das máis ambiciosas iniciativas da empresa: o videoxogo E.L.E.
Estes e outros datos concretos servíronlle para abordar unha cuestión máis xenérica: non é certo que non se poden facer videoxogos dende o noso país. De feito, dixo, a cuestión é que non só se poden facer videoxogos dende aquí, senón que a día de hoxe xa están a facer.
O obradoiro tamén contou coa presenza activa de Daniel González, coordinador do Grupo Especializado en Información Multimodal de Gradiant, quen trazou un ameno itinerario polos proxectos nos que traballa o centro no eido da biometría, eido que até hai ben pouco se considera exclusivo dos filmes e das novelas de ciencia ficción e que hoxe xa dá froitos concretos a moi pouca distancia dos nosos fogares, como o sistema de recoñecemento facial que desenvolveu Gradiant.
A continuación, damos conta dos centros que acudiron á cita de Gradiant e encheron o Salón de Actos da Escola Superior de Enxeñeiros de Telecomunicación de Vigo:
· IES Primeiro de Marzo, Baiona
· IES As Barxas, Moaña
· IES Rosalía de Castro, Vigo
· IES Alexandre Bóveda, Vigo
· IES Pazo da Mercé, As Neves
· IES Politécnico, Vigo

PUBLICIDADE