Capcom pon á venda 1 millón de copias de Super Street Fighter IV</Em>

luns, 3 de maio do 2010 Marcus Fernández

O mellor xogo de loita de 2009 foi sen dúbida o Street Fighter IV, e dende Capcom decidiron continuar o seu desenvolvemento durante meses para engadirlle novos personaxes, mellorar a súa xogabilidade, incorporar novos golpes combinados e estrear modos de xogo, pero en vez de incorporar estas prestacións coma contido descargable, optaron por empaquetalo coma un xogo novo, Super Street Fighter IV, que chegou o pasado venres ás tendas españolas a un prezo de 39,99 euros nas súas versións de Xbox 360 e PlayStation 3 (quedando desta volta o PC fóra da ecuación).

As fases de bonus son unha novidade moi agardada polos nostálxicos

A compañía parece confiar bastante neste novo título que combina gráficos 3D con xogabilidade 2D, pois puxeron en circulación un millón de copias en todo o mundo, cantidade que incluso esperan superar nos vindeiros meses, reforzando unha franquía que dende o lanzamento da súa primeira entrega en 1987 conseguiu vender máis de 28 millóns de copias (en plataformas domésticas).
Super Street Fighter IV inclúe os 25 loitadores da súa anterior entrega, e engade 10 personaxes novos, entre os que hai creacións inéditas coma Hakan e Juri, e retoma a vellos coñecidos coma T. Hawk e Dee Jay. Tamén incorpora novos decorados, combates mellor nivelados, ata 3 traxes diferentes por personaxe, 2 novos movementos Ultra adicionais para cada personaxe, as fases de bonus que moitos lembraban con morriña do clásico Street Fighter II e moitas outras novidades que culminan no Modo Torneo, que será un modo extra descargable que agradecerán os afeccionados a competir en combates eliminatorios.

PUBLICIDADE