Capcom Arcade achega vellas máquinas recreativas ao iPhone

venres, 5 de novembro do 2010 Marcus Fernández

A App Store vén de incorporar unha aplicación de balde chamada Capcom Arcade, que busca recuperar o concepto das máquinas recreativas, de xeito que dende este programa será posible botar partidas aos clásicos xogos Street Fighter II, Ghouls ‘N Ghosts, 1942 e Commando dende o iPhone e o iPod Touch, pagando con moedas virtuais (tokens) estas partidas, aínda que para animar ao xogo o sistema permitirá xogar ata 3 veces de balde ao día. O catálogo de xogos dispoñibles en Capcom Arcade irá ampliándose mensualmente e para incrementar o modelo de negocio deste produto tamén será posible adquirir contido descargable para desbloquear habilidades especiais, actualizacións e armas.
Os tokens do xogo poden adquirirse en paquetes de 10 unidades por 0,79 euros, así como tamén será posible adquirir de xeito ilimitado algún dos xogos de Capcom Arcade por 2,39 euros.
Cómpre destacar que a adaptación dos xogos ao seu uso coa pantalla táctil do iPhone é bastante axeitada, resultando doado o seu control, e permitindo así recuperar títulos clásicos que agradecerán os nostálxicos dos salóns recreativos e das máquinas nos bares.

Street Fighter II foi un dos xogos de recreativa máis significativos por iniciar a moda dos xogos de loita 1 contra 1
Commando tamén foi un xogo de Capcom moi imitado nos salóns recreativos

PUBLICIDADE