Canon presenta unha cámara híbrida de fotografía e cine

xoves, 20 de xaneiro do 2022 Marcus Fernández

Canon vén de anunciar o lanzamento da EOS R5 C, unha potente cámara de cine híbrida, que xunta as funcións de gravación da gama EOS Cine coas capacidades fotográficas do sistema EOS R. Esta cámara conta cun sensor CMOS full frame de alta resolcuión, procesador DIGIC X e montura RF, capaz de gravar vídeo en 8K de alta resolución e de capturar fotografías de 45 Mpíxeles até a 20 imaxes por segundo.
A Canon EOS R5 C busca satisfacer a unha nova xeración de creadores de contido e aos que gravan en solitario. Estamos ante a primeira cámara EOS Cine capaz de gravar internamente en RAW a 8K a 30 imaxes por segundo de xeito autónomo e de 60 imaxes por segundo se utilizamos unha fonte de alimentación externa. Amais, o seu sensor conta cun sistema de refrixeración activa interna, de xeito que permite realizar gravacións de longa duración.
A nivel fotográfico tamén é unha cámara excelente, capaz de disparar até cun ISO de 51.200 (para contornos de iluminación reducida) e permite rexistrar as imaxes en HEIF de 10 bits cun rango dinámico e unha gama de cor ampliados. Tamén conta cun preciso enfoque automático ao ollo, mediante o Dual Pixel CMOS AF, contando tamén con seguimento intelixente de cara/cabeza mediante EOS iTR AF X.
Esta impresionante cámara chegará ao mercado o 31 de marzo a un prezo recomendado de 5.082 euros (o corpo).

Vídeo de presentación da Canon EOS R5 C

PUBLICIDADE