Canon presenta a súa nova cámara sen espello de entrada
mércores, 24 de maio do 2023
Nos últimos anos
puidemos ver como os grandes fabricantes de cámaras foron deixando paulatinamente
de lado o mercado das réflex para centrarse nas cámaras sen espello e, moi
especialmente con sensores de tamaño completo, pero para usuarios que están
cómodos co tamaño de sensor APS-C tamén seguen a producir cámaras como a nova Canon EOS R100, que chegará
ao mercado o 30 de xuño a un prezo recomendado de 739,99 euros cun obxectivo RF-S
18-45mm, converténdose na cámara de entrada deste segmento.
A Canon EOS R100 ten un sensor APS-C de 24,1 Mpíxeles con enfoque automático
Dual Pixel CMOS AF, así como conectividade Bluetooth e Wi-Fi (para transferir
as fotografías que tomemos ao móbil ou para tirar proveito do disparo remoto) e
gravación de vídeo en 4K, de xeito que estamos ante unha cámara moderna que
pode lembrarnos a cámaras clásicas da marca, que fai pequenos sacrificios para
poder manter un prezo axustado.
Esta nova cámara ten un peso de só 356 gramos, emprega monturas RF (podendo
empregarse obxectivos EF e EF-S mediante un adaptador), o seu visor electrónico
OLED ten 2,36 Mpíxeles mentres que o seu monitor LCD presenta unha relación de
1,04 Mpíxeles, integra flash, e carece de entrada para micrófono externo (polo
que os interesados en gravar vídeo probablemente prefiran facerse cunha EOS
R50).
- A Canon EOS R100 aproveita a conectividade sen fíos para transferir imaxes ao móbil